Friday 17 de May de 2024

Inés Rey: “A elección da Coruña como a candidatura galega para a Axencia de Intelixencia Artificial é unha boa nova que ten que culminar coa aprobación da sede”


O Nodo Galego de Intelixencia Artificial situou á Coruña como a cidade mellor valorada entre as urbes galegas que optaban a acoller o novo organismo

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, amosou hoxe a súa satisfacción pola elección da Coruña como candidatura galega a acoller a Axencia Española de Supervisión de Intelixencia Artificial (AESIA). “Xa contabamos con que A Coruña era a cidade máis axeitada e así o ratifica agora o Nodo Galego”, indicou Rey. “Trátase dunha boa nova que ten que culminar coa elección da Coruña para a sede da AESIA”, apuntou a rexedora, quen insistiu en que o Goberno municipal seguirá traballando para conseguilo”.

O Goberno municipal convocou un pleno extraordinario o pasado día 21 para lles solicitar aos grupos o apoio á candidatura coruñesa e para demandar da Xunta o soporte para defender a proposta coruñesa. O pleno aprobou por unanimidade a proposta do executivo de Rey, que leva tempo traballando para que o relevante organismo nacional teña a súa sede na cidade.

A Coruña é, polo seu tecido académico, empresarial e polos seus servizos, a cidade mellor valorada de Galicia, mais tamén é un referente nacional nas novas tecnoloxías e que por tanto cumpre con todos os requisitos para acoller a AESIA, dentro tamén dos criterios de descentralización do Estado que está a aplicar o Goberno central.

O Concello ofertou como sede o edificio histórico da Terraza, un inmoble de indubidable valor histórico e artístico que aspira agora a un novo uso. “Agardamos que a Xunta sexa capaz de defender a candidatura coruñesa fronte ao resto de cidades españolas que optan á AESIA”, indicou Rey.